A empresa Fausto Deseño Asociados nace no ano 2008, da man do deseñador gráfico Fausto Isorna e a historiadora da arte Gemma Sesar, cunha división dedicada ao cómic, El Patito Editorial. Esta é a primeira editorial galega especializada en cómic, que desde os seus inicios apostou por traducir a obra de Miguelanxo Prado, así como a doutros moitos debuxantes que traballaban para os Estados Unidos e Francia. Desde este selo creouse a revista Galimatías (2009-2011), que se publicaba de maneira quincenal e distribuíase gratuitamente co xornal El Correo Gallego, tendo unha tirada de 30.000 exemplares. Pronto a editorial, continúa ampliando campos de publicación como a poesía ilustrada de autores galegos e, nos últimos tempos, especializándose no caderno de viaxe.
En 2016, inician un novo proxecto Compostela Ilustrada, a marca encargada de organizar o Encontro Internacional de Cadernos de Viaxe do mesmo nome, e distintas accións relacionadas co debuxo urbano.
Na parte de deseño continúan coa estética e o perfeccionismo dos traballos de Fausto Isorna, en cartelería, campañas publicitarias, deseño de logotipos, edición, exposicións…